Pero non se limita ás minicentrais hidroeléctricas a actividade empresarial da familia de Francisco Vázquez. A súa empresa Hidroeléctrica del Arnoya, no penúltimo consello da Xunta que presidiu Manuel Fraga e que tivo lugar o 14 de xullo de 2005, conseguiu a adxudicación dunha licenza para instalar o parque eólico dos Chaos, na provincia de Lugo, orzamentado en 10,4 millóns de euros.

Dase a circunstancia de que, no momento en que se concede esta licenza, o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, encargado de supervisar os proxectos eólicos e hidroeléctricos otorgados pola Xunta, é Ramón Ordás Badía, cuñado de Luís Castro Valdivia, socio da familia Vázquez na empresa que se beneficiou da concesión, Hidroléctrica del Arnoya.

Ordás Badía, alto cargo da Xunta dende 1999 até que Fraga perdeu a maioría absoluta en 2005, tivo unha importancia determinante non só na concesión da maior parte das licenzas de minicentrais hidroeléctricas e parques eólicos que se otorgaron en Galiza senón tamén no estabrecemento da planta de ragasificación de Reganosa na ría de Ferrol, empresa para a que estivo a piques de empezar a traballar antes de que Endesa o mandara a Portugal, onde desenvolve agora as súas actividades profesionais.

Luís Castro Valdivia, fundador co seu pai, Luís Castro Gómez, da empresa Hidroeléctrica del Arnoya, que constituíron cun capital social de só 3.000 euros, está casado con Rosa Ordás Badía, irmá do que foi director xeral de Industria da Xunta de Galiza. No piso onde vive na Coruña o matrimonio Castro-Ordás, na rúa Fama, tivo a súa sede social durante algún tempo a empresa Hidroeléctrica del Arnoya, antes de que fora comprada a súa metade pola familia de Paco Vázquez. Luis Castro Valdivia foi responsábel de Novas Xeneracións, a organización xuvenil do Partido Popular.